Profesorado do programa
Considérase profesorado do programa todo doutor/a adscrito formalmente a algunha das súas liñas de investigación, sen prexuízo da posible colaboración en determinadas actividades específicas doutras persoas ou profesionais en virtude da súa relevante cualificación científica ou profesional no correspondente ámbito de coñecemento.
Será factible incorporar ao programa persoal docente ou investigador alleo á propia universidade. En tal caso, a Comisión Académica do Programa de Doutoramento acreditará esta condición e garantirá os recursos necesarios para estas incorporacións debendo comunicalo á universidade.
Titores do programa
A admisión definitiva dun doutorando nun Programa de Doutoramento leva a asignación dun Titor, designado pola Comisión Académica do Programa de Doutoramento. Tratarase dun profesor asignado ao programa con vinculación permanente coa universidade e/ou entidade colaboradora no Programa de Doutoramento.
Con carácter xeral, o Titor terá como funcións:
- Velar pola interacción do doutorando coa Comisión Académica do Programa de Doutoramento e, conxuntamente, co Director da tese.
- Velar pola adecuación ás liñas do Programa da formación e a actividade investigadora do doutorando.
A Comisión Académica do Programa de Doutoramento, oído o doutorando, poderá modificar o nomeamento do Titor en calquera momento do período de realización do doutoramento, sempre que concorran razóns xustificadas.
O labor de titorización recoñecerase como parte da dedicación docente e investigadora do profesorado.
Directores da tese de doutoramento
No prazo máximo de tres meses desde a súa matriculación, a Comisión Académica do Programa de Doutoramento asignará a cada doutorando un Director de tese que poderá ser coincidente ou non co titor previamente referido. Esta persoa será a máximo responsable, de acordo cos máis altos estándares profesionais, da coherencia e idoneidade das actividades de formación, do impacto e novidade no seu campo, da temática da tese e da guía na planificación e a súa adecuación, no seu caso, á doutros proxectos e actividades onde se inscriba o doutorando. Polo tanto, debe dispor do tempo, coñecementos, experiencia, aptitude técnica e dedicación necesarios para poder atender ao estudantado. Como supervisores/as do labor investigador deben crear unha relación construtiva e positiva co estudantado, a fin de establecer as condicións necesarias para unha transferencia eficaz de coñecementos e para o futuro bo desenvolvemento da súa carreira como investigador/a.
Poderá ser director/a da tese calquera doutor/a español ou estranxeiro, con experiencia investigadora acreditada, con independencia da universidade, centro ou institución en que preste
os seus servizos, e que non incorra en calquera das causas de abstención establecidas no artigo 23 da Lei 40/2015, do 1 de outubro. Para os efectos desta normativa, por «acreditada
experiencia investigadora» enténdese o cumprimento no momento da solicitude ou nunha solicitude anterior dalgún dos seguintes requisitos:
- Ter recoñecido, polo menos, un sexenio de actividade investigadora avaliado pola Comisión Nacional Avaliadora da Actividade Investigadora (CNEAI) ou, no seu defecto, acreditar méritos suficientes que garantan a avaliación positiva dun sexenio de actividade investigadora segundo o establecido pola CNEAI para cada campo científico.
- Ser, nos últimos seis anos, investigadora ou investigador principal dun proxecto de investigación financiado mediante unha convocatoria pública (excluídos os proxectos de convocatorias propias da universidade).
- Acreditar a autoría ou coautoría, como mínimo, de tres publicacións en revistas incluídas no Journal Citation Reports. Nas áreas en que pola súa tradición non se aplique este criterio, substituirase por un requisito comparable segundo o establecido pola CNEAI nestes campos científicos.
- Acreditar a autoría ou coautoría dunha patente en explotación.
- Ter dirixido unha tese de doutoramento coa cualificación de sobresaliente (ou equivalente á máxima cualificación no seu defecto) que orixinase, polo menos, unha publicación en revistas indexadas no ISI-JCR ou algunha contribución de relevancia equivalente no seu campo científico segundo os criterios da CNEAI.
No caso de que un profesor do programa cumpra os requisitos para ser Director e Titor asumirá as dúas funcións, de ser o caso.
No caso que o Director non teña vinculación permanente coa universidade ou entidade colaboradora do programa ou non sexa profesor do programa, o programa asignará un Titor que cumpra os requisitos establecidos no Regulamento de Estudos de Doctorado da Universidade na que esté matriculado o doutorando.
A CAPD poderá modificar a asignación da dirección da tese, unha vez oído o doutorando/a, sempre que concorran razóns xustificadas, durante os dous primeiros anos da formación. Excepcionalmente, poderá realizarse con posterioridade, para o cal contará coa aprobación da escola de doutoramento. En ningún caso se modificará a asignación da dirección para deixala
vacante.
O labor de dirección recoñecerase como parte da dedicación docente e investigadora do profesorado.