Inicio

 

 

Doutoramento en Creación e Investigación en Arte Contemporánea

 

A creación artística é unha actividade xeradora de coñecemento, cunhas esixencias metodolóxicas propias que atenden á produción, o análise e a interpretación artísticas, axuntando creación e investigación.

A integración da produción artística no contexto cultural é a que permite unha rexeneración das capacidades simbólicas, así como a permanente reelaboración dos parámetros estéticos que a constitúen, contribuíndo e influíndo na maneira de percibir, sentir e conceptualizar os valores que rexen nunha sociedade.

Os contextos sociais na terceira cultura implican unha interrelación moito máis sistémica. Iso precisa a incorporación ao noso contexto cultural de suxeitos altamente responsables, creativos e con gran capacidade de análise da contorna.

O ensino e investigación artísticas han de entenderse como unhas actividades interdisciplinares que poñen en xogo os recursos perceptivos, emocionais e conceptuais que incumben ao cidadán, procurando un maior e mellor nivel cultural, unha integración nos contextos, un coñecemento responsable para contribuír ao enriquecemento do patrimonio cultural e á súa transmisión.

Neste novo contexto, a figura do/a artista como profesional ou investigador/a, integrado en equipos interdisciplinares, perfílase como unha das máis sólidas saídas profesionais.